Monday 29 de April de 2024

Dez días para solicitar tomar parte no proceso selectivo para contratar a dez auxiliares de Policía Local por seis meses


O Boletín Oficial da Provincia de hoxe anuncia a apertura do proceso selectivo para a contratación de dez prazas de auxiliares de Policía Local durante seis meses.

Os interesados dispoñen dun prazo de 10 días naturais para solicitar tomar parte no proceso selectivo. O modelo oficial das instancias estará a disposición de todos os interesados, ademais de nas oficinas municipais, no sitio web oficial do Concello de Riveira (www.riveira.gal).

BASES PARA A CONTRATACIÓN DE DEZ AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL:

1.ª.–OBXECTO DA CONVOCATORIA.
É obxecto desta convocatoria a contratación laboral temporal, a través do proceso de selección de oposición libre, de dez Auxiliares de Policía Local, que desempeñarán as funcións de apoio e de auxilio ós membros do Corpo da Policía Local, no marco do disposto na lexislación de corpos e forzas de seguridade.
2.ª.–MODALIDADE DE CONTRATACIÓN E DURACIÓN DO CONTRATO.
Os contratos formalizaranse baixo a modalidade de contrato eventual por circunstancias da produción, previsto no artigo 3 do Real Decreto 2720/1998, de 18 de decembro, e a súa duración será de 6 meses contados a partir da sinatura do mesmo.
Os contratos serán por xornada semanal a tempo completo, que se prestarán en horario que se distribuirá segundo as necesidades e organización do servizo, en quendas de mañá, tarde ou noite, durante tódolos días da semana, segundo a organización do Servizo, cos descansos semanais que lles correspondan.
As retribucións básicas, complementarias e extraordinarias que corresponden ós postos de traballo, por tódolos conceptos, son as que figuran no Orzamento Municipal vixente.
3.ª.–CONDICIÓNS DOS ASPIRANTES.
Para tomar parte neste proceso selectivo, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:
a) Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea, nos termos previstos no artigo 57 do texto refundido 5/2015, de 30 de outubro, do Estatuto Básico do Emprego Público. Así mesmo, poderán participar, en igualdade de condicións que os españois, os estranxeiros con residencia legal en España.
b) Ter cumpridos 18 anos de idade.
c) Estar en posesión (ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias) do título académico de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, Graduado Escolar ou doutro equivalente ou que os englobe, que se deberá acreditar mediante documento oficial expedido polo organismo competente.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión (na mesma data do remate do prazo para presenta-las instancias) da Credencial que acredite a súa homologación, expedida polo organismo competente.
d) Ter unha estatura mínima de 1,65 metros os homes, e de 1,60 as mulleres.
e) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das funcións propias do posto de traballo para o que se opta.
f) Non incorrer en causa de incompatibilidade ou de incapacidade, conforme á normativa vixente.
g) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que o aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.
Tódolos requisitos esixidos nesta base deberanse cumprir polos aspirantes na data en que remate o prazo de presentación de instancias, e mantelos ata o momento da formalización dos contratos.

4.ª.–PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.
As solicitudes para tomar parte neste proceso selectivo faranse mediante instancia dirixida ó señor Alcalde, en modelo que se facilitará no Rexistro Xeral da Corporación, nas que se fará constar que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na base terceira desta convocatoria.
As ditas solicitudes presentaranse no citado Rexistro (os días laborais de 9.30 a 13.30 horas, agás os sábados que o Rexistro pecha ás 13:00 horas) durante o prazo de 10 días naturais, que se iniciará o día seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O anuncio da convocatoria tamén se publicará nun dos diarios de maior tirada de Galicia, no taboleiro de anuncios da Casa do Concello e na súa páxina web. Tamén se poderán presentar na forma que determina o artigo 38.4 da Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común; neste caso, os aspirantes deberán comunicalo mediante telegrama ou telefax durante o mesmo prazo que o de presentación de instancias (número de fax do Concello: 981 871610), ou ben mediante correo electrónico enviando un e-mail á dirección: tecpersonal@riveira.com
Se, conforme a este precepto se presentan a través das oficinas de correos, deberá aparecer o selo na propia solicitude. Doutro modo, a data de anotación no Rexistro Xeral será a que se teña en conta a tódolos efectos.
Xunto coa solicitude para tomar parte neste proceso selectivo os aspirantes deberán achegar, inescusablemente, a seguinte documentación:
a) Xustificante acreditativo de ter ingresado na Tesourería Municipal a cantidade de 12,18 euros en concepto de matrícula. O dito importe poderase facer efectivo ben directamente nas arcas municipais ou ben mediante xiro postal ou telegráfico, así como mediante ingreso na seguinte conta municipal (cos datos persoais do aspirante e praza á que opta), número de conta de BBVA: ES54-0182-5820-13-0000002454, e será devolto unicamente no caso de que o aspirante non sexa admitido ó proceso selectivo por falta dos requisitos esixidos para participar no mesmo ou por presenta-la solicitude fóra de prazo. En ningún caso a presentación e pago da taxa por dereitos de exame suporá a substitución do trámite de presentación da instancia.
b) Copia compulsada do documento nacional de identidade ou documento identificativo.
c) Copia compulsada da titulación académica esixida na letra c) da base 3.ª.
d) Certificado médico en impreso oficial no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para realizar cada un dos exercicios físicos previstos neste proceso selectivo. Este certificado será imprescindible para ser admitido á realización do exercicio que valore a súa aptitude física. Se por causas non imputables ó interesado este non puidese presenta-lo mencionado documento médico no indicado prazo poderase presentar posteriormente, en todo caso, sempre antes do inicio do exercicio.
Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán). No caso de se tratar de documentos expedidos noutras Comunidades Autónomas do Estado Español, para que teñan validez deberán estar redactados na lingua castelá ou traducidos polo organismo competente da respectiva comunidade, debidamente validados e apostilados polo organismo competente.
Coa presentación da instancia para tomar parte no proceso selectivo entenderase que os interesados aceptan e acatan todas e cada unha das bases desta convocatoria.
5.ª.–ADMISIÓN DOS ASPIRANTES.
Rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía, no prazo máximo de dez días naturais, ditará resolución aprobando a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación, se é o caso, das causas de exclusión. Esta resolución publicarase, exclusivamente, no taboleiro de anuncios da Casa do Concello. Así mesmo, e sempre que sexa posible, poderá publicarse, a título informativo e complementario, na Web oficial do Concello (www.riveira.es), no apartado “taboleiro de anuncios”.
Os aspirantes excluídos dispoñen dun prazo de tres días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación da antedita resolución, para presentar as reclamacións oportunas ou emendas de defectos, na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992.
A presentación de reclamacións, no seu caso, non suspenderá o proceso selectivo, salvo que así o acorde a Alcaldía.
Posteriormente, o Alcalde declarará aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que se publicará no taboleiro de anuncios do Concello.Na mesma resolución o alcalde determinará o lugar, data e hora da celebración do primeiro exercicio, así como a composición do Órgano de selección. Así mesmo, e sempre que sexa posible, a citada resolución publicarase, a título informativo e complementario, na web do concello (www.riveira.es).
A inclusión dos aspirantes nas listas de admitidos non supón, en ningún caso, o recoñecemento por parte desta Administración Municipal de que aqueles reúnen os requisitos esixidos para ser nomeados para a súa contratación, requisitos que se deberán acreditar segundo o establecido na base 9.ª.

6.ª.–TRIBUNAL CUALIFICADOR.
Os membros do tribunal cualificador serán designados polo Alcalde segundo o disposto no artigo 60 do Real Decreto 5/2015 do estatuto básico do empregado público e en atención ó principio de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros.
Estará constituído por un número impar de membros, funcionarios de carreira ou persoal laboral fixo, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de suplentes.
A totalidade dos seus membros deberá posuír un nivel de titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza obxecto desta convocatoria.
Deberá tenderse na súa composición, á paridade entre home e muller.
A pertenza ó mesmo será sempre a título individual non pudendo ostentarse esta en representación ou por conta de ninguén.
Non poderán formar parte do tribunal os funcionarios ou laborais fixos que realizaren tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria.
O tribunal de selección poderá dispoñer a incorporación de asesores especialistas, para todas ou algunhas das probas, que colaborarán co órgano de selección exclusivamente no exercicio das súas especialidades técnicas sen que sexan integrantes do tribunal, correspondéndolle o asesoramento e ilustración do parecer dos seus membros.
A súa composición farase pública na mesma resolución da alcaldía pola que se aproba a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.
Os membros do Tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.
Igualmente,os aspirantes poderán recusar ós membros do Tribunal cando concorra algunha das circunstancias a que se refire o parágrafo anterior.
O Tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros (sexan titulares ou suplentes, indistintamente). En todo caso, será precisa a asistencia do Presidente e do Secretario.
Tódolos membros do Tribunal Cualificador que se designen para xulga-las respectivas probas selectivas actuarán con voz e voto.
As decisións do Tribunal Cualificador adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes, resolvendo, en caso de empate, o voto de calidade do seu Presidente.
O Tribunal Cualificador queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e para toma-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo, en todo o non previsto nestas bases.
Ós efectos de percepción de dietas por asistencias por parte dos membros concorrentes ás sesións que celebre o Tribunal Cualificador, estarase ó disposto nos artigos 29 e seguintes do Real Decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.
7.ª.–DESENVOLVEMENTO DO PROCESO SELECTIVO.
A data e máis a hora na que deberá constituírse o tribunal, así como o día e a hora para o comezo do proceso selectivo convocado serán determinados polo Alcalde mediante resolución, xuntamente coa aprobación da lista definitiva de admitidos e excluídos e a composición do tribunal, que se publicará no taboleiro de anuncios do Concello.
Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único, quedando decaídos no seu dereito os opositores que non comparezan a realizalo, salvo casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo Tribunal.
Os aspirantes deberán presentarse para realizaren cada exercicio provistos do D.N.I., ou documento fidedigno acreditativo da súa personalidade a xuízo do tribunal, e tamén os medios materiais adecuados que sexan necesarios para a práctica daqueles.
Comezada a práctica dos exercicios, o tribunal poderá requirirlles en calquera momento aos opositores que acrediten a súa identidade.
A publicación dos resultados obtidos en cada un dos exercicios, así como os anuncios convocando ós aspirantes para a celebración de cada exercicio, farase exclusivamente no taboleiro de anuncios da Casa do Concello. Así mesmo, e sempre que sexa posible, poderá publicarse, a título informativo e complementario, na web oficial do Concello.
De acordo co previsto no artigo 47 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, as probas para a selección de auxiliares contratados polos concellos, son as que se describen a continuación (Anexo VII da Orde do 28 de xaneiro de 2009, pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG. número 22, da data 02/02/2009; corrección de erros DOG. número 31, da data 13/02/2009).
A.–COMPROBACIÓN DA ESTATURA E PROBAS DE APTITUDE FÍSICA.
– A.1.–COMPROBACIÓN DA ESTATURA.
Ao comezo realizarase o control da estatura dos/as aspirantes. Os mínimos son os que rexen para o ingreso nos corpos de policía local: 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.
– A.2.–PROBAS FÍSICAS.
As probas físicas cualificaranse de apto/non apto. Para obter a cualificación de apto os aspirantes deberán acadar as marcas mínimas ou non superar as máximas que se establecen para cada proba.
A.2.1. Potencia tren inferior: salto vertical.
Realizarase nun ximnasio ou lugar semellante con chan horizontal e cunha parede vertical e lisa.
O aspirante colocarase en posición de partida, en pé, de lado xunto a unha parede vertical, cun brazo totalmente estendido cara a arriba e sen levantar os calcañares do chan, e marcará coas dedas a altura que alcanza nesa posición. O exercicio executarase, separándose 20 centímetros da parede e saltando tan alto como poida, marcando novamente coas dedas o nivel alcanzado.
Para a correcta realización da proba deberanse observar as seguintes regras:
– Pódense mover os brazos e flexionar o tronco e os xeonllos, pero non se pode separar do chan ningunha parte dos pés antes de saltar.
– Hai que realizar o salto cos dous pés ao mesmo tempo.
– Permítense dous intentos, só aos aspirantes que fagan nulo no primeiro.
A distancia entre a marca feita desde a posición de partida e a acadada co salto deberá ser igual ou superior á mínima (en centímetros) establecida no seguinte cadro para cada sexo e grupo de idade.
18-36 anos 37-48 anos 49 anos ou máis
Homes 41 cm 33 cm 29 cm
Mulleres 32 cm 28 cm 25 cm
A.2.2. Resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.
Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chaira de terreo.
O/a aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A posición de saída realizarase en pé.
Só se permite un intento.
O/a aspirante que abandone a carreira quedará excluído.
A proba consistirá en correr a distancia de 1.000 metros no tempo máximo (en minutos e segundos) que se recolle na seguinte táboa para cada sexo ou grupo de idade:
18-36 anos 37-45 anos 46 anos ou máis
Homes 4´30´´ 5´00´´ 5´15´´
Mulleres 5´00´´ 5´30´´ 5´45´´
B.–PROBA DE COÑECEMENTOS.
A proba de avaliación dos coñecementos dos/as aspirantes deberá amosar o dominio dos contidos do temario que se inclúe no anexo.
Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 50 preguntas tipo test, con 4 alternativas de resposta cada unha, que serán propostas polo tribunal. Os/as aspirantes disporán dun tempo máximo dunha hora para a súa realización.
A proba cualificarase polo tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo, para non quedar eliminado/a. A cualificación farase atendendo a seguinte fórmula: N = (A-F/3)/5.
(Sendo N = nota final da proba; A = preguntas acertadas; F = preguntas erradas ou non respostadas.)
C.–PROBA ESPECÍFICA SOBRE COÑECEMENTO DO TERMO MUNICIPAL E DA TOPONIMIA LOCAL.
O órgano de selección someterá aos/ás aspirantes a unha proba para determinar o seu nivel de coñecemento sobre as características propias do concello e a toponimia local. Cualificarase de cero a tres puntos, sendo necesario acadar como mínimo unha puntuación de un con cinco puntos para superala.
D.–COÑECEMENTO DA LINGUA GALEGA.
A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que os/as aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos ás probas que consideren máis adecuadas para tal comprobación. Esta proba cualificarase como apto ou non apto.
Estarán exentos de realizar este exercicio os aspirantes que acrediten posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o Celga 2, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, publicada no DOG n.º 146, do 30 de xullo de 2007.

8.ª.–PROPOSTA DE CONTRATACIÓN E LISTA COMPLEMENTARIA DE RESERVA.
Concluída a cualificación final do proceso selectivo, o Tribunal publicará no citado taboleiro de anuncios a relación dos aspirantes aprobados por orde decrecente da puntuación total final (que estará determinada pola suma dos puntos obtidos na proba de coñecemento do temario e do termo municipal e toponimia local), con especificación da mesma, e elevará a correspondente proposta de contratación a favor dos aspirantes que obtiveran as puntuacións máis altas e en función do número de prazas convocadas (o Tribunal Cualificador non poderá facer proposta de contratación a favor dun número de aspirantes superior ó das prazas convocadas).
No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, terase en conta o disposto no artigo 37 da lei 7/2004 de 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres que dispón “1. Cando un determinado corpo, escala, grupo ou categoría da Administración Pública galega se verificara a infrarrepresentación do sexo femenino na oferta de emprego público establecerase que , de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos, serán admitidas as mulleres, salvo si considerando obxetivamente tosas as circunstancias concurrentes nos candidatos de ambos sexos existen moitivos non discriminatorios para preferir o home. 2 Entendese, a estos efectos, a existencia da infrarrepresentación cando no corpo, escala, grupo ou categoría exista unha diferencia porcentual de, polo menos vinte puntos entre o número de mulleres e número de homes. Supletoriamente estas resolveranse pola puntuación obtida no primeiro exercicio e, se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida no seguinte exercicio ata que se resolva o mesmo. De persistir o empate, dirimirase por sorteo público a celebrar ante o Tribunal Cualificador, do que se levantará a correspondente acta.
O Tribunal elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva, cun número de aspirantes que será como máximo igual ao de aprobados, na que figurarán aqueles aspirantes que, aínda que superasen o proceso selectivo, non resultasen aprobados por obter unha puntuación de ordinal inferior ao número de prazas convocadas.
No caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida, ou outros supostos nos que o aspirante aprobado non chegue a formalizar o contrato de traballo, o órgano convocante poderá substituílo polo seguinte na orde de puntuación da lista complementaria de reserva, segundo a orde de puntuación acadada, de conformidade co previsto no artigo 61.8 d o texto refundido do Estatuto Basico do Empregado Público.
No caso de quedar deserto o proceso selectivo por non superar ningún aspirante a proba ou por non presentarse ningún a esta,o Sr. Alcalde queda autorizado a convocalo novamente cantas veces fose necesario, de conformidade coas presentes bases.
9.ª.–PRESENTACIÓN DE DOCUMENTOS.
Cada un dos aspirantes propostos presentarán na Secretaría Xeral do Concello, no prazo de cinco días naturais (contado a partir da publicación do resultado da selección), os documentos que acrediten que cumpre todos e cada un dos requisitos esixidos na base 3.ª desta convocatoria, no caso de que non foran xa presentados xunto coa solicitude para tomar parte neste proceso selectivo, é dicir:
a) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentenza xudicial firme.
b) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha causa de incapacidade ou incompatibilidade de conformidade coa lexislación vixente.
c) Número de afiliación á Seguridade Social.
Se dentro do prazo indicado, salvo casos de forza maior, algún aspirante proposto non presentara a súa documentación ou non acreditara reuni-los requisitos esixidos, non se poderá proceder ó seu nomeamento para a contratación, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades en que puidera ter incorrido por falsidade na instancia ou na documentación presentada para tomar parte neste proceso selectivo.
10.ª.–CURSO DE FORMACIÓN.
Previamente ó nomeamento para a contratación, os aspirantes propostos para a contratación deberán participar nun curso específico de formación teórico-práctico convocado pola Academia Galega de Seguridade Pública. Aqueles/as que xa tivesen participado e obtivesen certificado de asistencia ó dito curso, estarán exentos/as desta obriga por un período de catro anos, de acordo co previsto no artigo 48.2.º do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de Coordinación de Policías Locais.
Os gastos que se deriven pola asistencia ó referido curso serán a cargo dos aspirantes.
11.ª.–NOMEAMENTO E FORMALIZACIÓN DO CONTRATO.
O órgano competente da Corporación fará o nomeamento a favor dos opositores propostos polo Tribunal Cualificador que superasen o curso de formación citado na base anterior, sendo nulo o nomeamento de quen estea incurso en causas de incapacidade específica conforme á normativa vixente.
A formalización dos contratos terá lugar dentro do prazo de cinco días naturais, a contar desde a data de notificación do acordo de nomeamento.
Mentres non se formalice o contrato e non se incorpore ó posto de traballo, o aspirante non terá dereito a percepción económica de ningunha clase.
As persoas contratadas estarán obrigadas a presta-la súa xornada de traballo na medida e forma requiridas polo interese do servizo, de acordo coa lexislación aplicable.
12.ª.–PERÍODO DE PROBA.
O persoal contratado quedará sometido a un período de proba de quince días, de conformidade co artigo 14 do Estatuto dos Traballadores, agás cando o traballador/a xa tivera desempeñado as mesmas funcións con anterioridade no Concello de Riveira, baixo calquera modalidade de contratación.
O período de proba non se verá interrompido polas situacións de incapacidade laboral temporal, maternidade e adopción ou acollemento, que poidan afectar ao traballador/a.
13.ª.–BOLSA DE EMPREGO.
A lista complementaria de reserva prevista na base 8.ª constituirase nunha bolsa de emprego, á que se acudirá para o caso de que algunha das prazas contratadas ó abeiro desta convocatoria quedase definitivamente vacante por algunha circunstancia ou para realizar algunha substitución temporal con reserva de praza (referida a estas prazas).
Os/as aspirantes que resultasen nomeados no proceso regulado nestas bases, unha vez rematada a duración dos contratos laborais ao que estas se refiren, pasarán a formar parte desta bolsa na orde que lle corresponda pola súa puntuación.
No caso de se producir unha vacante nun posto de traballo de igual categoría ou cualificación existente no cadro de persoal deste Concello, ou cando haxa que substituír a un traballador con dereito a reserva do posto de traballo, tamén de igual categoría ou cualificación, acudirase á referida bolsa de emprego.
Producida a necesidade de cobertura temporal dun posto de traballo o departamento de secretaría e servizos xerais avisará á persoa que, segundo a orde de prelación, lle corresponda ser contratada. No caso de que esta persoa non estea dispoñible ou renuncie a ocupar o posto de traballo seguirase o chamamento segundo a orde de prelación establecida na bolsa de emprego.
Os chamamentos faranse por escrito de xeito que permita a constancia da recepción. Asemade poderase avisar por teléfono ao interesado, debendo quedar constancia, en todo caso, da data e hora en que cada aspirante sexa requirido, mediante dilixencia estendida ao efecto polo funcionario que os realizase.
A orde de selección dos aspirantes incluídos na bolsa de emprego irase modificando cos conseguintes nomeamentos e contratacións, de acordo coas seguintes regras:
a) Se o aspirante chamado non puidera ser nomeado por causa debidamente xustificada e discrecionalmente apreciada polo Órgano competente desta Administración, conservará a súa orde de prelación na bolsa de emprego; en caso contrario, será excluído da mesma.
b) Se calquera dos integrantes da bolsa de emprego renunciara a formar parte da mesma, ou unha vez nomeado renunciara, fora separado do servizo por sanción disciplinaria e/ou por despido declarado procedente, será excluído daquela.
c) Se unha vez nomeado e contratado un aspirante ó abeiro desta base, o tempo traballado fora inferior a un ano, retornará ó posto que ocupaba na orde de prelación da bolsa de emprego no momento de ser chamado; se o período de nomeamento ou contratación fora igual ou superior a un ano, pasará a ocupa-lo último lugar da lista.
En razón da urxencia das substitucións, queda facultada a Alcaldía para realiza-los nomeamentos temporais a que se refire esta base.
Esta base terá vixencia entre tanto non se leve a cabo outra Convocatoria, perdendo validez, neste caso, a bolsa de emprego que ata entón estivera vixente, pero sen que isto afecte ó persoal nomeado en virtude das mesmas e durante a súa vixencia.
Non obstante todo o anterior, o órgano competente da Corporación poderá optar pola aprobación de bases específicas e a celebración das pertinentes probas selectivas para a cobertura temporal daquelas prazas que así o estime.

13.ª.–TEMARIO.
Para a realización da proba de coñecementos a que se refire o apartado B da base 7.ª terase en conta o temario recollido no anexo VII da Orde do 28 de xaneiro de 2009 xa citada, que é o seguinte:
Tema 1. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A organización e funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno Local. Outros órganos municipais.
Tema 2. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.
Tema 3. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.
Tema 4. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.
Tema 5. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.
Tema 6. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.
Tema 7. Delitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices.
Tema 8. Delitos contra a seguranza viaria. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.
Tema 9. Lei de seguranza viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.
Tema 10. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento.Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguranza.
Tema 11. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade. Carencia do seguro obrigatorio.
Tema 12. A policía como servizo público. A policía local como policía de proximidade e de servizo. O auxiliar de policía e as súas funcións. Responsabilidades do auxiliar de policía.
14.ª.–NORMAS FINAIS.
Primeira.–Para todo o non previsto nestas bases, ou naquilo que as contradigan, será de aplicación supletoria o establecido no Estatuto Básico do Empregado Público, Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, na Lei de Administración Local de Galicia, Texto refundido da Lei da Función Pública de Galicia, Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia, Real Decreto 896/1991, Real Decreto 364/1995, Decreto 204/2000 de Galicia, e demais lexislación vixente que sexa de aplicación.
Segunda.–Agás a convocatoria (que se publicará segundo se establece na base 4.ª), os sucesivos actos e comunicacións que se deriven da celebración deste proceso selectivo faranse públicos, exclusivamente, a través do Taboleiro de Anuncios da Casa do Concello.
Sempre que sexa posible, poderá publicarse,a título informativo e complementario, na web oficial do Concello (www.riveira.es), no apartado “taboleiro de anuncios”. Estas publicacións na web non terán validez a efectos de cómputo de prazos e a información de carácter persoal contida nas mesmas será posible baixo a consideración de que os aspirantes, coa sinatura da instancia solicitando participar no proceso selectivo, se someten a aceptan todo o clausulado establecido na presente convocatoria e bases reguladoras. Os restantes usos dos datos persoais contados nas solicitudes serán de carácter interno e uso restrinxido.
Terceira.–Tódolos actos administrativos derivados desta convocatoria, así como da actuación do Tribunal, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos pola Lei de Procedemento Administrativo e normas vixentes concordantes.
A presentación de reclamacións non suspenderá a prosecución do proceso selectivo, salvo que así o decida o órgano convocante do mesmo.
Cuarta.–Contra as presentes bases e a resolución que as aproba, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO ante o Xulgado Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses (contado dende o día seguinte ó da publicación da convocatoria).
Con carácter potestativo e previo poderá interpoñer RECURSO DE REPOSICIÓN ante o mesmo Órgano que adoptou o acordo de aprobación, no prazo de un mes (contado dende o día seguinte ó da publicación da convocatoria). Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto. Neste último suposto, o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses contado dende o día seguinte a aquel no que se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.
Todo iso sen prexuízo de que poida exercitar calquera outro que estime procedente.